O BNG esixe a Educación que arranxe o salón de actos do IES Alfredo Brañas

Denuncian que segue sen poder utilizarse 16 meses despois de que caese parte do teito
Infraestruturas educativas
Manuel Lavandeira
Restos do teito do salón de actos do IES Alfredo Brañas que se derrumbou sobre as butacas. Foto: BNG Carballo

Carballo. O BNG denuncia que no IES Alfredo Brañas, de Carballo, avanza o deterioro do salón de actos pero tamén, pouco a pouco, doutras dependencias, porque a praga de avelaíñas que ten devorada unha parte do patio de butacas segue estendéndose.

O deputado Daniel Pérez e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, puideron comprobar nunha visita ao instituto a evolución da situación tras o primeiro derrubamento do teito, en xuño de 2021.

“Dada a inacción da Xunta”, afirman, o BNG presentou en marzo unha serie de iniciativas ante o Partalmento de Galicia, “ás que o conselleiro de Educación respondeu un mes despois que se encargaría de inmediato a redacción do proxecto. Estamos en outubro e no perfil do contratante da Xunta non figura aberto ningún procedemento relativo ao IES Alfredo Brañas, polo que entendemos que aínda non se contratou xa non a execución da obra, senón nin sequera a redacción do proxecto”, sinalan.

A Xunta dixo ter comprometido un investimento de 350.000 euros para o salón de actos do IES Alfredo Brañas, “pero nin á dirección do centro nin á comunidade educativa se lle fixo chegar información ningunha ao respecto. E mentres tanto, a falta de mantemento tamén se fai notar na fachada do edificio coa caída de cascotes”, engaden.

O deputado carballés Daniel Pérez vén de rexistrar unha nova batería de iniciativas para saber en que situación está o proceso de contratación das obras e cando está previsto executalas. M. L.