O CEIP Otero Pedrayo recibe un dos premios de curtas de animación en galego “Nós tamén creamos!”

O alumnado larachés venceu na categoría de 3º e 4º de Primaria con “Paco Papán” // Tamén participaron os nenos e nenas de Infantil co traballo “O oso e o corvo”
Producións en galego
Lorena Rey
As profesoras Cristina Regueiro e Cristina Cambón no estudo onde se levou a produción final da curta. Foto: CEIP Otero Pedrayo.

Nun ano complicado por mor da COVID, tres colexios galegos recibiron este luns a noticia de que foran premiados polo certame de curtametraxes de animación en galego usando a técnica stop-motion “Nós tamén Creamos!”, convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en colaboración coa CRTVG Galicia. Un dos premios foi para os alumnos e alumnas de terceiro curso do CEIP Otero Pedrayo, da Laracha que presentaron a curta Paco Papán de OQO Editorial.

Como en cada edición, propóñense un total de dez libros de OQO, dos cales cada centro educativo debe escoller aquel que máis lle gusta para converter en curta. O grupo de terceiro de Primaria da profesora Cris Regueiro escolleu Paco Papán e traballaron durante meses coa axuda da mestra Cris Cambón e os seus alumnos, e a especialista en inglés Paula Blanco.

“É a primeira vez que participamos. Había ganas de facelo hai uns anos pero daquela había moito traballo. O curso pasado decidimos entrar a través dun Plan Proxecto, dende o cal nos facilitaban unha pequena formación no propio centro”, explica Manuel Rodriguez, coordinador do proxecto “Nós tamén creamos!” do colexio larachés.

A formación para o profesorado implicado comezou en novembro do 2019, mes no que se empezou a contar os contos aos nenos e nenas para que eles mesmos fixeran a escolla. Posteriormente, en xaneiro do 2020 foi o momento de crear o storyboard a partir do conto. “O alumnado creou os personaxes e escenarios e unha vez finalizados pasamos todo ao estudo no que se rodou”, detalla el. O último paso consistiu en adaptar os diálogos co vídeo. En marzo, coincidindo co estado de alarma, a actividade quedou paralizada e retomouse a mediados de setembro “para rematar as escenas coa toma de fotografías e realizar a produción final do vídeo”. A data de entrega do proxecto estaba marcada para o 30 de abril, pero ante as circunstancias que se desencadearon pola COVID, tivo que aplazarse para o 30 de outubro do pasado ano.

Dende a Secretaría de Política Lingüística contactaron este luns 25 de xaneiro coa dirección do CEIP Otero Pedrayo para darlle a noraboa polo traballo realizado e comunicarlle que foran os gañadores na modalidade de 3º e 4º de Primaria. Tamén destacaron a participación do grupo de Infanti que presentara a curta “O oso e o corvo”, pero nese caso non foi premiada. “Coa triste situación que vivimos hoxe en día nos colexios, con noticias a diario de casos positivos e nenos confinados, o feito de recibir unha nova coma esta anima e alegra moito”, destaca. Trátase dunha iniciativa que require adicarlle moitas horas, pero a pesar diso Manuel Rodríguez considera que “tanto os que participamos na curta como o resto do claustro mostraremos disposición ante novas propostas académicas”.

Curta gañadora na categoría de terceiro e cuarto de Primaria realizada polo alumnado do CEIP Otero Pedrayo.

PREMIADOS NAS RESTANTES CATEGORÍAS. Outro dos premios foi para outro colexio de Carballo, concretamente para o CEIP Xesús San Luís Romero que venceu na categoría de segundo ciclo de Educación Infantil coa produción de Mariluz avestruz. Por outra banda, o galardón correspondente á modalidade de primeiro e segundo de Primaria recibiuno o CEIP Virxe do Mar, de Narón coa curta Quen pode vencer o virus. Os tres centros recibirán un lote de libros, un agasallo e un diploma acreditativo. Ademais, o profesorado implicado nas curtas premiadas obterá unha certificación de Premio de Innovación Educativa da Consellaría.