O Ecomuseo Forno do Forte, un espazo para coñecer como era a vida dos oleiros
A comarca de Bergantiños esconde diversos conxuntos etnográficos e o Ecomuseo Forno do Forte (en Buño) é un dos máis emblemáticos. Nace no ano 1999 no proxecto da Deputación para a recuperación de diferentes elementos arquitectónicos da Costa da Morte. Nese ano foi cando se adquiriu o edificio e dende o primeiro momento tíñase claro que “o ecomuseo ía estar adicado a manter as pezas tradicionais co propósito de recuperar unha cocedura tradicional e que a imaxe do museo reflexaría a vida dunha familia oleira antes de 1950”, explica Francisco DoVal, director do Ecomuseo Forno do Forte.
O edificio divídese en dúas partes. En primeira estancia están as vivendas de familias oleiras reconstruídas. Durante o proceso de restauración e posta en valor fíxose un estudo etnográfico e arqueolóxico de feito que se poidera coñecer coa mellor precisión posible como estaban divididos estes espazos. Así, o que non se conservaba da memoria da xente apareceu con restos arqueolóxicos. “Poidemos reproducir onde estaba o fumeiro, os taboleiros, como estaban distribuídas as habitacións... Conseguiuse recuperar o aspecto orixinal mantendo as estructuras e mobiliario daquela época”, destaca Francisco.
Por outra banda están as casas de xornaleiros, xente que traballaba para os oleiros e que permitiron reproducir as ferramentas agrícolas da actividade secundaria que tiña unha familia oleira antes de 1950. “Temos material de labranza para que a xente comprenda que tiñan a obrigación de producir unha parte significativa do seu alimento e tamén hai unha parte adicada ao mar xa que moitos tiñan un afán mariñeiro e de alí obtiñan a madeira do prato do enfornado”, conta.
A ACTIVIDADE NO TORNO. Hai un oleiro que traballa no Ecomuseo todos os días e fai demostracións ao público. Co tema do covid a xente non se pode sentar na roda para experimentar a actividade xa que é un espazo pechado e requírese bastante tempo para facer unha peza. Neste sentido, durante estes meses víronse na obriga de restrinxir a capacidade a un máximo de 25 persoas e despois para grupos que non foran unidades familiares en cada sala indicábase o número máximo de persoas permitidas. “A visita guiada tamén se reduciu. Era dunha hora pero tivo que reducirse a explicación xeral e facerse no quinteiro, o espazo interior do Ecomuseo no que está o forno de cocer”, di o director.