O empresario José Manuel Mato toma as rendas do PP de Ponteceso

O seu reto é acadar a alcaldía para recuperar a xestión de devolver a normalidade á vila
Política municipal
Manuel Lavandeira
Pola esquerda, Gonzalo Trenor, Evaristo Ben, Miguel Tellado, José Manuel Mato, Diego Calvo, Ethel Vázquez e Jesús Picallo, no acto de presentación do novo presidente da xestora do Partido Popular de Ponteceso. Foto: PP

Ponteceso. “Chegou o momento de que en Ponteceso se deixen de lado os bandos e a división, é momento de recuperar a xestión e devolver a normalidade ao día ao día do municipio e da vida dos veciños”. Con estas intencións se presentou o novo presidente da xestora do PP de Ponteceso, José Manuel Mato, empresario local e futuro candidato nas eleccións locais.

Arroupado por integrantes da formación e veciños do municipio, e apoiado polo presidente provincial, Diego Calvo, polo secretario xeral dos populares, Evaristo Ben, e pola vicesecretaria e conselleira Ethel Vázquez, Mato centrou parte do seu discurso de presentación na “urxente necesidade” de unir ao maior número de veciños ao redor dun proxecto no que “terán cabida todas aquelas persoas que queiran sumar para mellorar o presente e futuro de Ponteceso”.

Subliñou que se animou a dar o paso empuxado polo apoio que recibiu de todos os sectores da sociedade local. Mato asegura que “os veciños están cansados de acusacións que non levan a ningunha parte. A xente necesita un goberno que non cause problemas, que xestione e que solucione as necesidades que existen no Concello”.

Diego Calvo agradeceulle o feito de que dese un paso á fronte para liderar a formación e asegurou que Mato é a persoa “idónea” para capitanear a nave popular nas próximas eleccións municipais. “Estou seguro de que será o próximo alcalde de Ponteceso, porque coñece á perfección este municipio”. M. L.