O lodo impediu saír a frote ao neno carballés falecido en Mazaricos

Caeu nun pozo natural de varios metros no encoro da Fervenza cando se bañaba con outros escolares do CEIP Fogar // As investigacións apuntan a un accidente
Sucesos
Manuel Lavandeira
Encoro da Fervenza, en Mazaricos. Foto: Turismo de Galicia

A Policía Xudicial da Garda Civil de Noia continúa coa investigación para esclarecer a morte de Carlos, alumno do CEIP Fogar de Carballo, de 14 anos, que perdía a vida na mañá do martes no encoro da Fervenza, en Mazaricos.

A falta das conclusións do proceso investigador a principal hipótese que barallan as forzas de seguridade é que o menor caeu nun pozo natural de varios metros de profundidade e non puido sair a frote, xa que quedou atrapado no lodo acumulado no fondo.

Os investigadores xa tomaron declaración aos nenos e nenas que estaban con Carlos, os cales estiveron acompañados dos seus pais. Ademais, tamén completaron os traballos de recollida de imaxes para completar o atestado do tráxico suceso.

Unha vez que rematen as dilixencias de investigación e concluído o atestado que incorporará o ditame da Garda Civil, será remitido ao Xulgado de Instrución número 1 de Muros, que será o encargado da causa.

O pequeno Carlos estaba a a desfrutar dunha xornada de ocio activo nas instalacións de Naturmaz, situadas ao pé do encoro da Fervenza, na compaña doutros trinta e nove alumnos e alumnas do colexio carballés e dos profesores que coordinaban a excursión. Despois de participar nunha sesión monitorizada de kayak, os escolares estaban bañándose na beira.

Por causas que se descoñecen, Carlos caeu a auga e desapareceu da vista dos seus compañeiros. A pesares de que, de seguido se deu a voz de alarma, o pequeno estivo desaparecido durante uns 20 minutos, polo que se decidiu dar aviso aos servizos de emerxencias. Aseguran que o grupo de escolares contaban “con permiso para bañarse”.

Ata o lugar desprazáronse varias patrullas da Garda Civil, equipos sanitarios do 061, entre eles un helicóptero medicalizado, efectivos de Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia, os bombeiros de Santa Comba, o GES de Muros e membros da agrupación de Protección Civil de Mazaricos.

Despois de facer unha cadea humana, un dos bombeiros localizou o corpo do neno e sacouno á superficie. A pesares dos esforzos dos sanitarios por intentar reanimalo, non foi posible e só puideron certificar a súa morte.

O cadáver foi trasladado á cidade da Coruña, onde lle foi practicada a autopsia. Segundo sinalou o párroco de Carballo, o velatorio e o enterro do pequeno tamén será na cidade herculina.

CONDOLENCIAS. A tráxica noticia mantén conmocionados aos veciños e veciñas de Carballo, e as mostras de condolencia cóntanse por centos a través das redes sociais.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, tamén trasladou este mércores o seu “apoio” e “ánimo” á comunidade educativa do CEIP Fogar, de Carballo, e á familia do neno falecido.

“Vamos a ver que sae da investigación”, indicou ao ser preguntado polas novidades nas pesquisas levadas a cabo para esclarecer o falecemento. Miñones lamentou a “traxedia” e dixo que hai que estar “ao lado da familia”.

Tamén o Concello de Mazaricos, onde tivo lugar o fatal accidente, manifestou o pesar das súas xentes a través das redes sociais municipais. “No Concello de Mazaricos estamos profundamente abatidos pola enorme traxedia ocorrida no noso municipio. Queremos transmitirlle o noso máis sentido pésame á familia e amigos do pequeno”.

SEN CLASES. No colexio Fogar, onde estudiaba o pequeno Carlos, as clases quedaron suspendidas ata o vindeiro luns, logo que de a Consellería de Cultura, Educación e Universidade decretase tres días de loito oficial. Dende o Concello lembran que os pais e nais dos alumnos que o precisen poderán facer uso estes días do programa Concilia, a partir das 07.00 horas e durante o horario lectivo, cun funcionamento semellante ao dos días non lectivos.