O renovado albergue de Cabana vai promocionar o deporte e o patrimonio

Abrirá ao público en xuño e estará orientado a un turismo de realidade centrado nas experiencias sensoriais // Ten capacidade para máis de corenta persoas
Turismo
Manuel Lavandeira
Instalaciones renovadas en el albergue de Cabana de Bergantiños. Foto: C. C.

O Concello de Cabana contará cun renovado albergue que apostará pola promoción do municipio e que terá capacidade para máis de corenta persoas. As instalacións inauguraranse ó público a partir de xuño e xa están programadas diversas actividades culturais e deportivas de cara o verán.

O obxectivo da empresa concesionaria do espazo, Alalá Terra e Sons, é dinamizar as visitas ao entorno e o patrimonio cultural cabanés. As experiencias que ofrecen desde o albergue, explicou a súa xerente, Mariluz Imia Rivera, correspóndense cun “turismo de realidade”, centrado na experiencia sensorial dos visitantes.

Para iso comezouse cunha reforma integral das instalacións cunha inversión que rolda os 70.000 euros. Renováronse totalmente as liteiras, dotadas agora de cortinas, luces LED individuais e cargadores USB. Tamén se modificou a distribución dos tipos de habitacións, con estancias que van desde as catro ás oito camas, ademais dun novo espazo orientado a familias cunha cama de tamaño familiar e outras dúas camas niño. Por outra banda, instaláronse sofás e un proxector para uso compartido na sala de convivencia, ademais de crear unha zona de traballo con ordenadores e conexión á rede para as persoas usuarias. Finalmente, renováronse as cadeiras e as mesas do comedor e procedeuse a instalar tarima no pavimento de gran parte das estancias.

Actividades culturais, deportivas e produtos de proximidade

Segundo afirmou Mariluz Irimia, o albergue non se centrará en hospedar ós seus clientes, senón a ofrecerlles a oportunidade de coñecer e desfrutar de todas as posibilidades que “garda Cabana e a súa xente”. “Temos cerrado un campamento xuvenil de verán e varias actividades deportivas sobre ioga, kayak, pádel”, avanza.

O alcalde, José Muíño, mostrou a súa satisfacción coa próxima apertura das instalacións e “co gran atractivo que engadirá para Cabana como un destino completo”. “O albergue situarase como unha boa opción de ocio e lecer tanto para persoas que residen na Costa da Morte como doutros sitios do noso país”, destacou.