Obradoiro de acollemento lingüístico en Carballo para os inmigrantes

Impartirase de febreiro a xuño sempre que se xunte un grupo mínimo de 20 persoas
Formación
Manuel Lavandeira
O Concello carballés tamén ten en marcha un novo ciclo de cursos de manexo de teléfono móbil para os maiores. Foto: C. C.

Carballo. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo comeza o ano con forza, e despois da gala de entrega dos Premios Youtubeiras, que se celebrará o vindeiro día vinte e oito deste mes no Pazo da Cultura, en febreiro comezarán dúas novas accións formativas.

Por unha banda, para as persoas de fóra de Galicia está programado un obradoiro de acollemento lingüístico, no cal, ao longo de 30 horas de duración, os participantes entrarán en contacto coa lingua e a cultura galegas.

O curso, que se celebrará sempre que exista un grupo mínimo de vinte persoas inscritas, inclúe un manual de contidos para o alumnado. As clases serán todos os xoves, de 18.00 a 19.30 horas, dende o mes de febreiro ata xuño.

Este ano tamén se repetirán os cursos preparatorios das probas Celga 2, 3 e 4, que tan boa acollida tiveron na pasada edición. Neste caso será preciso contar cun mínimo de dez participantes. As clases impartiranse todos os xoves, de 19.30 a 21.00 horas, no Fórum Carballo, dende febreiro ata o un de xuño.

As persoas interesadas, tanto no obradoiro de acollemento lingüístico como nos cursos para preparar as probas Celga, pódense inscribir ata o vindeiro día un de febreiro enviando unha mensaxe ao número de teléfono 626 125 495 ou ao correo electrónico snl@carballo.gal.

As inscricións realizaranse por orde de chegada das mensaxes ata completar o número máximo de alumnado, segundo informan dende o Concello carballés. M. L.