Obras para humanizar a vía de acceso á igrexa parroquial de Malpica

A iniciativa pretende outorgar prioridade ao peón á hora de circular polo centro da vila
Obras
Manuel Lavandeira
Rúa da Igrexa de Malpica. Foto Concello de Malpica

Malpica. O Concello iniciou os traballos de humanización da rúa Igrexa, cos que se lle outorgará o protagonismo ao peón fronte ao tráfico rodado neste espazo que dá acceso ao templo parroquial de San Xulián. O proxecto conta cun orzamento que supera os 85.000 euros, segundo informa o Concello.

A intervención inclúe a retirada do mobiliario existente para liberar a zona de actuación; a substitución do pavimento por unha calzada de pedra de granito e formigón de cor natural; e a instalación dunha nova rede separativa de saneamento e tamén de abastecemento de auga.

Deste xeito, o Concello de Malpica dálle continuidade ao labor de humanización do centro urbano da vila, dentro dun plan integral que pretende eliminar o exceso de tránsito de vehículos na contorna desta rúa onde agora se intervén, buscando con isto “unha vila máis amable co medio ambiente e máis segura”, salientan desde o goberno local, que preside Walter Pardo.

SEGURIDADE. Dende o executivo malpicán destacan que “os traballos teñen o obxectivo de outorgarlle prioridade ao peón á hora de transitar polo centro da vila”. “Incrementarase a seguridade viaria da veciñanza e tamén se mellorarán as condicións de accesibilidade no municipio”, engaden. m. lavandeira