Encontro en Caión. O territorio agarda obter a distinción de Destino Starlight // Institucións e profesionais din que axudaría a diversificar e especializar a oferta // Avogan por valorizar a “amplitude e diversidade” deste marco atlántico TEXTO M. L.

Optimismo ante as oportunidades para o turismo na Costa da Morte

Turismo
Manuel Lavandeira
Jorge Mira, á esquerda, Álex Roig, Xosé Regueira, Antonia Varela, Mónica Rodríguez e José Manuel Varela no encontro de Caión. Foto: CMAT

Caión xuntou este martes ao ecosistema turístico do xeodestino Costa da Morte nun encontro no que se deron cita representantes das administracións locais, provincial e autonómica e profesionais dos distintos ámbitos do sector co fin de avaliar o presente e o futuro.

Na cita, promovida por Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), a entidade que aglutina os intereses dos axentes do territorio, tanto do sector público como do privado, os participantes coincidieron en augurar un “bo e excelente” ano 2023 “cheo de oportunidades” para o turismo nos 17 concellos que integran o xeodestiono.

A presidenta de CMAT e alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, asegurou que “a verdadeira” riqueza do xeodestino está na súa “amplitude e diversidade”, e subliñou que a entidade traballa para poñer en valor a “marca común: Costa da Morte”, integrada por Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas, ademais da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM).

Rodríguez tamén destacou que a CMAT “quere poñer o foco nun dos proxectos máis ambiciosos ao que se presentou Costa da Morte: acadar a certificación de Destino Turístico Starlight”. Sinalou que é “un dos maiores esforzos realizados polo xeodestino no 2022”. Este foi un dos temas centrais do encontro celebrado en Caión, no que participaron tamén o catedrático do Departamento de Física Aplicada da USC, Jorge Mira; a presidenta da Fundación Starlight, Antonia Varela; e o auditor do proceso, Aleix Roig.

A resolución está “próxima” segundo anunciaron, e confían en que Costa da Morte poida postularse o próximo ano como un Destino Turístico Starlight.

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, como anfitrión, foi o encargado de abrir a xuntanza, xunto co vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e a propia presidenta da CMAT.

O acto complementouse coa mesa redonda Os ceos e as estrelas na Fin do Mundo, moderada por Jorge Mira, “peza clave” como colaborador da CMAT e impulsor da iniciativa da certificación do territorio coma Destino Turístico Starlight. Nela participaron como poñentes convidados Antonia Varela, astrofísica e presidenta da Fundación Starlight, e Aleix Roig, guía astronómico, consultor en astroturismo, astrofotógrafo e colaborador da Fundación Starlight, un dos auditores que visitaron Costa da Morte xunto con Susana Malón.

Os dous especialistas estiveron no xeodestino no mes de outubro para recoller información sobre a potencialidade do territorio no eido do turismo das estrelas. Antonia Varela mostrou a súa confianza en que Costa da Morte poida incorporarse en breve de xeito oficial ao selecto grupo de territorios co selo Destino Turístico Starlight.

A presidenta de CMAT agradeceu o traballo das corporacións municipais de Costa da Morte, dos seus técnicos, así como dos empresarios e empresarias dun sector turístico “cada vez máis innovador e diferencial”. “Agardamos que continúe avanzando na unión do sector coa fórmula do asociacionismo e, especialmente, a través de APTCM”. Tamén agradeceu o apoio dos medios de comunición e dos expertos e expertas. “Este ano a CMAT contou cos mellores profesionais nos eidos do megalitismo, do turismo xeolóxico e do astroturismo”, engadiu a presidenta.

Maior conciencia social e ambiental

Mónica Rodríguez desexou que CMAT “siga sendo un ente vivo e saudable, a pleno funcionamento e rendemento”. Agradeceu tamén o traballo da secretaría técnica e o seu esforzo no obxectivo de acadar a certificación de Destino Turístico Starlight. Neste senso fixou para 2023 o reto de “poñer en valor o ceo nocturno de Costa da Morte” porque “o noso territorio é un lugar extraordinario para contemplar o ceo e as estrelas e gozar dos solpores”.

Tamén tivo palabras de agradecemento para o catedrático Jorge Mira, que “nos axuda a diferenciarnos e a posicionarnos no ámbito internacional”. Ao seu xuizo, obter o certificado Destino Turístico Starlight “suporía un impacto positivo” que “axudaría a diversificar e especializar a nosa oferta turística de calidade e fomentaría o emprendemento en astroturismo, así como acadar novos fluxos turísticos máis respetuosos e con maior conciencia social e ambiental”.

Antes da mesa redonda proxectouse un vídeo sobre a natureza salvaxe da Costa da Morte elaborado polo equipo de Fernando Rey, de LuzLux, convidando aos viaxeiros a achegarse a Costa da Morte fóra da tempada alta.

Os axentes do sector turístico tamén tiveron tempo, tras a clausura, para facer networking.