Transporte. A Xunta someteu a información pública os proxectos de Ponteceso, Carballo, Malpica, Melide e Ordes // Melloraranse 14 apeadoiros // Disporán de información en braille, pavimentos podotáctis e máis iluminación TEXTO M. Ramos

Paradas de bus máis accesibles e seguras en cinco concellos da zona

Transporte urbano
Manuel Lavandeira
A conselleira de Infraestruturas, co alcalde larachés, o delegado da Xunta e concelleiros de Carballo na presentación do plan en Laracha. Foto: X.G.

A Xunta vén de anunciar, a través do Diario Oficial de Galicia (DOG), que se somete a información pública o proxecto de mellora de 66 paradas de autobús en sete concellos das comarcas da Coruña e de Bergantiños e outras 64 na contorna da Coruña e Santiago, que suporán un investimento autonómico de máis de 4,2 millóns de euros.

O proxecto abrangue paradas nas rutas de acceso polo oeste da cidade da Coruña nas estradas AC-400, AC-413, AC-414, AC-418, AC-424 e AC-552, e nas de acceso polo norte á cidade herculina nas AC-621, AC-211, AC-213, AC-221, AC-230, AC-400, AC-524, AC-542 e AC-480. As intervencións afectarán a cen parcelas, a cuxa expropiación se destinarán algo máis de 238.000 euros.

Concretamente, no Concello de Arteixo, melloraranse 37 paradas; na Coruña 3; en Culleredo 12; en Carballo 9; en Cerceda 2; en Malpica 1 e en Ponteceso 2 paradas. Polo que respecta á AC-552, nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo o investimento previsto é de 1,3 millóns de euros, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de catro ofertas para mellorar 32 paradas nestes municipios. As obras, que precisan de expropiacións, está previsto que comecen na primavera e teñen un prazo de execución de doce meses.

Na contorna de Santiago contémplase a mellora, entre outras, dunha parada en Melide e outra en Ordes. As intervencións previstas suporán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas. Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.

No marco destas intervencións, en primeiro lugar, revisarase se a localización da parada é a axeitada. A situación óptima destas infraestruturas é en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada sexa menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas. Os traballos que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático. Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

SEGURIDADE. As obras incluirán medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas. Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais das paradas.

Trátase dunha das actuacións enmarcadas no programa da Xunta para actuar en máis de 1.100 paradas de autobús en estradas autonómicas co fin de mellorar a súa seguridade e accesibilidade, o que suporá un investimento global de arredor de 35 millóns de euros.