Pechan as instalacións deportivas, bibliotecas e parques da Laracha
Carballo. A comisión municipal de seguimento do COVID na Laracha, onde hai 125 casos activos, acordou pechar os parques infantís, as pistas polideportivas descubertas e os circuítos biosaudables. A Policía Local precintará todas esas infraestruturas públicas para advertir da prohibición do seu uso ata novo aviso.
Ademais, estarán pechadas todas as instalacións deportivas, agás o campo de fútbol A Porta Santa, xa que se permitirá o desenvolvemento dos adestramentos e a disputa dos partidos da U.D. Paiosaco, que compite en categoría nacional (Terceira División).
Tamén acordaron o peche de tres bibliotecas e a suspensión temporal do servizo de aula lúdica municipal e do programa de reforzo educativo Un paso adiante, que se leva a cabo no marco do programa Educa en positivo.
Respecto, á feira de Paiosaco, o Concello aposta por darlle continuidade, permitindo a súa celebración coa limitación de que os postos ocupen a metade do seu espazo habitual, tal e como xa fixeron nos últimos meses. A próxima feira será o día 7 de febreiro.
CEE. Pola súa banda, o Concello de Cee, seguindo as restricións impostas, pechará a piscina climatizada e o ximnasio, e está á espera de coñecer se deberán cerrar tamén as escolas municipais de música e teatro. M. LAVANDEIRA