Pesar en Malpica polo falecemento do exalcalde Luis Cancela Vecino

Necrológica
Manuel Lavandeira
Luis Cancela foi profesor do IES Monte Neme de Carballo e alcalde de Malpica de 1979 a 1991. Foto: BNG Malpica

BERGANTIÑOS O Concello de Malpica de Bergantiños tinguiuse de loito este martes ao coñecerse o falecemento do exalcalde Luis Cancela Vecino, quen ostentou o cargo de 1979 a 1991, ademais de exercer como profesor no IES Monte Neme, de Carballo. Todos os grupos políticos expresaron a través das redes sociais a súa dor pola perda dun “bo e xeneroso”, cualificativos empregados polos tres grupos municipais: PP, PSOE e BNG, partido este último ao que representou como rexedor. Lembran que foi “o primeiro alcalde nacionalista de Bergantiños”, e o definen como un “bo mestre, bo político e mellor persoa”. O alcalde, Eduardo Parga, asegura que “deixou moitas cousas boas para o Concello, entre elas lembro que cando eu era un neno instalou o primeiro alumeado público”.

Luis Cancela, que tiña 74 anos, está sendo velado na sala número 3 do Tanatorio San Antonio de Carballo, e o seu corpo será incinerado este mércores, día 18. M. l.