Demandan unha nova planificación eólica tras a sentenza sobre o parque de Corme

Enerxía
Manuel Lavandeira
Luis Bará, portavoz de Medio Ambiente do BNG, pide a comparecencia do vicepresidente da Xunta. Foto: BNG

Ponteceso. O portavoz de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará, rexistrou no Parlamento a solicitude de comparecencia “urxente” do conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, ante a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que anula a “repotenciación do parque eólico do Roncudo”, en Corme, aprobado polo Consello da Xunta no ano 2019.

A pesar de que a sentenza non é firme e cabe recurso, Bará cualificouna de “contundente”, porque confirma “a vulneración da Xunta do Dereito ambiental da Unión Europea e da lexislación ambiental do Estado” ao non respectar os prazos mínimos na información pública da avaliación ambiental durante 30 días, e reducila a 15.

Para o nacionalista, este proceder demostra “até onde está disposta a chegar a Xunta para favorecer de maneira descarada os intereses das grandes empresas eléctricas”. Tras cualificar de “depredador” o modelo eólico do PP, anunciou que o BNG presentará unha batería de iniciativas para reclamar “unha nova planificación eólica que respecte o medio ambiente e ás persoas que viven no medio rural”. A Xunta, recalcou, actúa como unha “xestoría das grandes eléctricas”.