Plan de mellora da sinalización do parque empresarial da Laracha

Investimentos
Manuel Lavandeira
Vista aérea do parque empresarial da Laracha. Foto: SEA

A Laracha. O Consello da Xunta concedeu ao Concello da Laracha unha achega económica para cofinanciar o proxecto de mellora da sinalización nos accesos ao parque empresarial (orzamentado en 50.000 euros) ao abeiro da convocatoria da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía e Industria.

A actuación deseñada polo Concello presenta dúas liñas de intervención. Por unha parte está a sinalización horizontal que ten por obxecto guiar e canalizar o tráfico dentro dos carrís de circulación e aumentar a seguridade viaria. Ditas marcas serán repintadas nos accesos, rúas e glorietas do ámbito industrial para incrementar a visibilidade das mesmas. Tamén serán remarcadas as prazas de estacionamento público de vehículos, bordillos, pasos de peóns, símbolos (ceda o paso, stop, etc.) e frechas. En total serán 13.571 metros lineais os que serán remarcados con pintura reflexiva de cor branca e amarela.

A outra liña de intervención consiste na instalación de nova sinalización vertical tanto no interior do propio parque empresarial como en estradas próximas a el, neste último caso para informar aos condutores sobre a dirección que deben seguir para chegar ao polígono. M. L.