Ponteceso acolle o Certame de pintura ao aire libre Fernando Álvarez de Sotomayor

Terá lugar este sábado, día 23, e os artistas poderán escoller como espazo pictórico calquera das catorce parroquias do municipio // Repartiranse un total de vinte premios
Arte
Manuel Lavandeira
O alcalde, Lois García, e Maya Álvarez Soutomaior, neta do pintor que da nome ao certame, durante a presentación do concurso. Foto: C. P.

Ponteceso será este sábado, día 23, punto de encontro de artistas con motiva da celebración do VI Certame Internacional de pintura ao aire libre Fernando Álvarez de Sotomayor, que repartirá vinte premios, o primeiro dotado con 3.000 euros, o segundo con 1.500 € e o terceiro, 1.000 €. Haberá tamén un cuarto e un quinto de 600 e 500 euros, respectivamente, e quince máis por valor de 400 €.

Os participantes deberán incribirse entre as 9.00 e as 11.00 horas no Centro Cultural Xosé Neira Vilas, e como marco inspirador poderán escoller calquera dos espazos pictóricos que ofrecen as catorce parroquias do municipio. Os artistas deberán entregar as súas obras ás 17.30 horas na praza do Recheo.

A xornada complementarase con múltiples actividades, como un tren turístico; unha degustación de pestiscos; pasabares ao mediodía e ao serán por A Bugalleira, Pazos, Corme Porto, A Trabe e Ponteceso; sesión vermú no paseo fluvial e música e danza tradicionais.