Ponteceso reforzará a seguridade viaria no tramo da coñecida como curva de A Noria

Solicitará financiamento da Xunta para ampliar os accesos verdes ao parque empresarial
Mobilidade
Manuel Lavandeira
O alcalde, Lois García, e as dúas concelleiras do goberno de Ponteceso supervisando as obras xa acometidas. Foto: C. P.

O Concello de Ponteceso aposta por seguir reforzando a seguridade viaria no municipio e con tal fin afrontará diversas melloras no tramo da coñecida como curva de A Noria, na estrada que comunica a capital municipal con Buño (Malpica). Neste treito instalarase unha varanda de madeira reforzada para garantir a seguridade dos peóns nas proximidades dunha parada escolar, que tamén se acondicionará.

Será a terceira fase dunha actuación coa que se pretende dotar a referida estrada de máis quilómetros de senda peonil aproveitando as vías de servizo existentes entre Pardiñas e a Bugalleira, mellorando tamén a ilmuniación, xa que ese tramo carece dela.

Segundo informa o alcalde, Lois García, instalaranse puntos de luz cada 30 metros para iluminar o tramo da estrada autonómica entre a Bugalleira e o parque empresarial de Tella. “Con esta mellora poderase ir camiñando por unha zona totalmente iluminada dende a Bugalleira ata o centro de Ponteceso”, engade.

O Concello solicitará apoio financieiro á Xunta de Galicia para sufragar o 80 % do proxecto, orzamentado en 150.000 euros.