Pregúntanse no Bloque se o PP coñece Carballo

Política municipal
Manuel Lavandeira
Membros do grupo municipal do BNG de Carballo. Foto: BNG

Carballo. Diante das críticas do PP ao goberno carballés, acusándoo de investir só en cemento e pouco en persoas, o portavoz do BNG, Xosé Regueira, pregúntase se non “será que o Partido Popular non coñece Carballo?”.

Como mostra do labor realizado a prol da veciñanza subliña as acccións desenvolvidas a prol da zona dos Baños Vellos, os negocios, a hostalaría, o balneario, as persoas con mobilidade reducida, as familias con bebés, os veciños da Milagrosa, da avenida Ponte da Pedra, das parroquias de Bértoa, Lema e Razo, as máis de 2.000 persoas que traballan no polígono, os carballeses que teñen aos seres queridos soterrados no cemiterio municipal, os miles de deportistas que utilizan as instalacións locais, o voluntariado e o persoal de Protección Civil que repartiu alimentos, medicamentos ou máscaras, ou os autónomos do mercado. Regueira pregúntase se todos eles “para o PP non son persoas?”.

Resalta ademais a campaña de reactivación económica, os servizos sociais, o traballo a prol de entidades sociosanitarias, os recursos supracomarcais como a escola de idiomas, o conservatorio ou a unidade de asistencia a persoas con problemas de adiccións, entre outros. M. L.