Primera solicitude de licenza despois de doce anos para construir vivendas na Laracha

Vivenda
Manuel Lavandeira
Casa consistorial da Laracha

O Concello da Laracha recibiu a solicitude de licenza urbanística para a construción dun edificio de 19 vivendas para uso residencial na rúa Arxentina da capital municipal. O proxecto é impulsado por un promotor local, que pretende levantar o inmoble nunha parcela que presenta unha superficie de máis de 1.100 metros cadrados.

O edificio constaría de planta soto (garaxes e rochos), planta baixa e tres plantas altas máis o aproveitamento do baixo cuberta. Trátase da primeira promoción de vivendas en bloque que se presenta no Concello da Laracha desde o ano 2008 para obter a correspondente licenza.

No termo municipal larachés “estase a rexistrar desde hai anos un continuo e progresivo incremento de poboación tanto nas zonas urbanas como en determinados núcleos rurais que se veu acrecentado coa pandemia do coronavirus”, afirman dende o Concello. O xurdimento de iniciativas como o proxecto de construción deste edificio, engaden, “pon de manifesto a existencia de demanda de vivenda e son aplaudidas polo Concello por consideralas positivas para facilitar que os cidadáns poidan establecer a súa residencia no termo municipal”.