Prohibidas festas e botellóns en Corme durante as celebracións do Carme

COVID
Manuel Lavandeira
Porto pesqueiro de Corme. Foto: Turismo de Galicia

O alcalde de Ponteceso, Lois García, vén de emitir un bando con motivo da festividade do Carme, que se celebrará en Corme o venres e o sábado. Lembra que está prohibido “contratar dúos ou calquera outra formación musical e celebrar festas de calquera índole na vía pública”, e que deberá de respectarse o aforo establecido pola Xunta tanto no interior como no exterior dos locais. Ademais, os botellóns están prohibidos en todos os espazos públicos, inclusive praias, paseos e prazas.

Respecto á procesión ata o porto e a posterior por mar, o Concello acordou co párroco e a confraría que os asistentes deberán levar máscara en todo momento e gardar a distancia mínima de 1,5 metros, e os asistentes deberán agardar a volta da procesión marítima sentados nas cadeiras que habilitarán no porto. Prégase ademais ao público que non suba aos barcos, xa que só poden participar os mariñeiros e xentes do mar, quedando baixo a responsabilidade de cada patrón admitir a familiares directos, “pero queda desaconsellado xa que non se podería garantir a distancia interpersoal”.

Policía Local, Garda Civil e Protección Civil de Ponteceso velarán polo cumprimento das devanditas normas.