Proxectan un plan cultural comarcal que atraía turismo en temporada baixa

A proposta foi avaliada en Laxe polo alcalde, José Luis Pérez, e o presidente do Colexio Oficial de Xeólogos, Manuel Regueiro
Turismo
Manuel Lavandeira
Manuel Regueiro, á esquerda, e José Luis Pérez, na xuntanza mantida en Laxe. Foto: Concello de Laxe

Laxe. O alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón, e o presidente do Colexio de Xeólogos e vicepresidente de Ponteceso Cultura Permanente, Manuel Regueiro y González-Barros, mantiveron un encontro na vila laxense no que abordaron a posible creación dun Plan Cultural Costa da Morte, un proxecto que complementaría ás actividades realizadas polas Administracións locais e organizacións culturais da comarca durante todo o ano.

Ambos coinciden na necesidade de “atraer o turismo cultural durante os meses de outono e inverno, un propósito que podería ser unha realidade se todos os concellos e organizacións culturais activas colaboran de xeito conxunto para crear o Plan Cultural Costa da Morte”, afirman.

Unha iniciativa que serviría de complemento á programación posta en marcha nas diferentes localidades co obxectivo principal de aproveitar as instalacións e infraestruturas de cada concello como as salas de exposicións, salóns de actos ou museos. Manuel Regueiro destacou que “o potencial paisaxístico e cultural da Costa da Morte é impresionante, sobre todo coa maxia do Camiño dos Faros, polo que é moi importante seguir ofrecendo servizos durante todo o ano para visibilizar máis a zona a través da coordinación e cooperación dos concellos”.

Ademais, recalcou o compromiso do Colexio de Xeólogos con todas as administracións para impulsar e compartir “o proceso de creación de ideas de xeito gratuíto” e tendendo a man para reunir a todos os alcaldes e alcaldesas da comarca de cara a unha primeira toma de contacto e á actualización dun inventario de servizos.

Pola súa banda, o alcalde de Laxe mostrouse moi satisfeito coa proposta e sinalou a completa “disposición do Concello para poder sacar adiante un programa que só traería beneficios, tanto a nivel veciñal como turístico, xa que temos moitos tesouros que mostrar e, moitas veces, o principal problema é a resolución da loxística”.