Recepción en Carballo á deportista Ruth Fuentefría Sánchez

Subcampioa do mundo e recente campioa de España en halterofilia, ten tamén tres medallas de bronce acadadas no Campionato de Europa
Recoñecemento
Manuel Lavandeira
Marcos Trigo, esquerda, Ruth Fuentefría e Evencio Ferrero durante a recepción no concello carballés. Foto: C. de Carballo

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, recibiron no concello a Ruth Fuentefría Sánchez, unha xove carballesa que con só 16 anos xa acadou tres medallas de bronce da súa categoría no Campionato de Europa de Halterofilia sub-17, disputado en agosto en Polonia, e o pasado mes de outubro proclamouse subcampioa do mundo na cidade de Jeddah, en Arabia Saudí. Ademais, a pasada fin de semana converteuse na campioa de España.

Aproveitando un descanso máis que merecido, este venres achegouse ata Carballo, a súa vila natal e onde ten as súas raíces, aínda que a súa familia reside agora na Coruña e ela estuda nun centro de alto rendemento deportivo en Madrid. Ruth, que cumprirá 17 anos o mes que vén e que, polo tanto, o ano próximo competirá xa en categoría júnior, cursa 1º de bacharelato e ten a ilusión de estudar Inef. E tamén de seguir practicando halterofilia, un deporte no que quere seguir colleitando éxitos.

Así llo desexou tamén o alcalde, ao entregarlle como lembranza da recepción un carballo de Sargadelos, “para que sempre teñas en conta as túas raíces e para que, en vez de landras, deste carballo nazan moitas medallas”, afirmou. E quen sabe se, como desexou Evencio Ferrero, chegará a ser a primeira deportista olímpica carballesa.