Recibidas sesenta e oito alegacións ao plan especial de Arnados-Razo

Urbanismo
Manuel Lavandeira
Vista de Razo e o bordo litoral carballés. Foto: Concello de Carballo

Carballo. Rematados os dous meses do período de información pública, o Concello de Carballo recibiu 68 alegacións ao Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados-Razo. Á espera de varios informes sectoriais que debe emitir a Administración autonómica, o equipo redactor comezará a estudalas de inmediato para que nun prazo de dous meses poidan convocarse “as comisións para ditaminalas, segundo a concelleira de Planificación, Milagros Lantes.

O obxectivo do plan é a ordenación integral dunha superficie de 313.171 metros cadrados de solo rústico entre o núcleo de Razo da Costa e o monte Peados. “A elaboración do documento foi laboriosa, xa que, por unha banda, ten que cumprir os obxectivos establecidos no Plan de Ordenación do Litoral (POL) para esa zona, preservar o medio ambiente do litoral costeiro, os espazos naturais e a paisaxe, e recuperar e protexer as áreas degradadas e os areais; mentres que, por outra, o plan debe prever as dotacións, infraestruturas e redes de servizos suficientes para o desenvolvemento dese ámbito”, aseguran dende o Concello. Nese sentido, delimítanse e ordénanse de xeito integral as zonas susceptibles de acoller usos propios de espazos libres, actividades deportivas, accesos ás praias ou aparcadoiros.