Reclaman máis accións para persoas e menos cemento en Carballo

Dende o PP solicitan actuacións que palien as consecuencias da actual crise sanitaria
Política municipal
Manuel Lavandeira
Paula Nogueira, portavoz del PP de Carballo. Foto: PP

Carballo. O PP de Carballo, a través da súa portavoz, Paula Nogueira critica ao goberno local por non botar man de mais fondos do remanente municipal para levar a cabo os investimentos que demanda e necesitan os veciños e veciñas. “Existen necesidades básicas que as parroquias e moitos barrios, máis alá dos do centro, non teñen cubertas”, asegura.

Sinala ademais que, “hoxe é un bo momento para recordar o número de veces que o señor Ferrero -en alusión ao alcalde- se queixou ou xustificou a súa inacción para levar a cabo proxectos de envergadura con que non se podía utilizar o remanente que ten o Concello”. Nogueira cualifica de “incomprensible” que agora que o executivo dispón destes fondos “deixe aos carballeses sen actuacións fundamentais para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais da pandemia”.

No PP consideran que é o momento de “priorizar todo o que teña que ver coas persoas”, e aseguran que Carballo figurará como un dos concellos que máis invirten en obras en Galicia, “pero esperemos que non lidere o ranking de peche de negocios e locais comerciais e deixe no camiño a autónomos e pemes que están ao límite”. Nogueira di que “é tempo de velar polos servizos sociais”.

Sinala ademais que “temos a Vieiro e a Afaber traballando en precario” e lembra que o anuncio do edificio social prometido fai un ano “está nun caixón sen que por parte do Concello se fixera ningunha xestión para iniciar os trámites urbanísticos necesarios”. Tamén consideran os populares que “podía ser unha boa oportunidade para aliviar o tráfico do polígono executando a saída que o une coa rotonda da avenida de Razo.

Pola contra, lamenta Paula Nogueira, o goberno local segue “a dar voltas co mercado municipal, que experimentou diversas reformas nos últimos anos, a organizar o que en xullo se reorganizou, e onde a metade dos postos están baleiros”. Asemade, engade, “tratamos como unha urxencia a instalación dun ascensor panorámico que o goberno local non foi quen de executar nos 17 anos que leva gobernando”.