Recuperados setenta e tres topónimos locais no municipio larachés

Tres deles están na parroquia de Caión, onde numeraron todas as casas con placas
Toponimia
Manuel Lavandeira
Unha das 169 placas de numeracións instaladas nas vivendas da parroquia de Caión. Foto: Concello da Laracha

A Laracha. O Concello da Laracha completou a instalación dos indicadores coa numeración definitiva nas 169 vivendas de Caión. Trátase dunhas placas nas que se identifica a parroquia, o núcleo exacto e o número definitivo no padrón municipal.

É unha iniciativa impulsada polo goberno local para recuperar os topónimos, o que tamén implica unha renumeración das vivendas do rural regresando ao ordenamento dos anos 90, que era máis óptimo e acorde ao correcto emprazamento de cada casa, e o reempadronamento dos veciños. Ademais, permitirá manter unha uniformidade nos indicadores.

Ao remate incorporarán ao padrón municipal 73 novos topónimos dos 311 de núcleos de poboación existentes no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Caión conta agora con nove topónimos, dos cales tres (Alvite, Cima de Vila e O Pazo) foron incluídos no padrón grazas a esta iniciativa.

Unha actuación similar xa se levara a cabo en Coiro e Montemaior. A seguinte será Vilaño, onde se recuperaron 16 topónimos que se suman aos 22 xa existentes. Paralelamente está en fase de redacción o proxecto de Cabovilaño, onde a previsión é alcanzar os 44 topónimos e colocar preto de 500 placas. M. L.