Reforzan as accións para que a capital carballesa sexa máis accesible

No marco da Semana Europea da Mobilidade este sábado haberá unha ruta en bicicleta pola nova senda que leva ata Razo
Sustentabilidade
Manuel Lavandeira
A presentadora Neves Rodríguez conduciu a presentación do proxecto Cicl-Ando Carballo. Foto: C. C.

Carballo. A Semana Europea da Mobilidade arrincou coa presentación pública do proxecto Cicl-Ando Carballo, nun acto conducido pola actriz e presentadora Neves Rodríguez e no que participaron o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane; o ex ciclista profesional Ezequiel Mosquera, e á concelleira Milagros Lantes, que exerce esta semana como alcaldesa accidental.

Cicl-Ando Carballo é unha proposta que pretende anticiparse á mobilidade que vén. Inclúe 18 quilómetros de sendas ciclopeonís, unha rede de aparcamentos seguros para bicicletas e unha campaña de sensibilización en mobilidade sostible. A Unión Europea financia o 80 % do investimento, que supera os dous millóns de euros.

A maior parte das sendas están xa operativas, só pendentes da sinalización, e, nas que faltan, as obras avanzan a moi bo ritmo. Para coñecelas mellor, o venres organizaron unha ruta a pé e mañá sábado haberá outra en bicicleta ata Razo, patrocinada pola empresa Vázquez y Reino.

As dúas actividades teñen un carácter solidario, xa que difundirán o labor da Asociación Galega de Transplantados de Médula Ósea para apoiar o proxecto Adianthe, do servizo de hematoloxía do CHUS, para a aplicación da intelixencia artificial ao cancro de médula.

Milagros Lantes aludiu á importancia da planificación urbanística, porque “a maneira de movernos está condicionada polo tipo de pobo que temos”. Traballan para que Carballo sexa “máis accesible, habitable e acolledor”. M. L.