Renovan o pavimento de dúas rúas do núcleo urbano de Paiosaco

Trátase da avenida Bergantiños e José Loureiro, próximas ao recinto da feira local
Obras
Manuel Lavandeira
Obras de renovación do pavimento de dúas céntricas rúas de Paiosaco. Foto: Concello da Laracha

A Laracha. Este luns comezaron a executarse as obras de renovación do pavimento en dúas rúas do núcleo urbano de Paiosaco, ambas situadas nas inmediacións do recinto feiral. O Concello financia integramente as actuacións investindo nelas preto de 65.000 euros.

Unha das rúas discorre por un dos laterais do campo da feira desde a Avenida Bergantiños e a outra, perpendicular a esta, é a rúa José Loureiro.

O proxecto afecta a unha superficie total de 4.210 metros cadrados que están a ser dotados cunha nova capa de aglomerado asfáltico, contemplándose a continuación a sinalización horizontal e vertical e o repintado das marcas viarias e das prazas de estacionamento.

Polo seu emprazamento, a mellora destas dúas rúas facilitará a circulación para a veciñanza en xeral neste céntrico punto da vila e aumentará a comodidade no acceso ao recinto feiral tamén para os vehículos pesados que no primeiro e no terceiro domingo de cada mes acoden a Paiosaco para desenvolver a actividade comercial.

O Concello larachés licitará ademais nos vindeiros días os proxecto de ampliación da estrada que comunica Bos Aires e O Pereiro, a mellora da rúa Silverio Moreda e a creación du parque de skate. Actuacións, que están valoradas en 484.000 euros. M. L.