Renovan os pantaláns de uso profesional en Corme

Infraestruturas portuarias
Manuel Lavandeira
Zona portuaria da vila mariñeira de Corme. Foto: Concello de Ponteceso

Ponteceso. Portos de Galicia vén de iniciar as obras de renovación e mellora dos pantaláns do peirao de Corme. A presidenta do ente público, Susana Lenguas, visitou este luns os traballos que se están a executar, os cales contan cun investimento de 60.000 euros por parte da Administración autonómica e supoñen, entre outras actuacións, a renovación completa do pavimento dos pantaláns empregando material sintético, de maior duración e resistencia ante a acción do mar. Ademais, as obras inclúen a renovación e pintado dos pilotes, reforzo de revisión das unións dos fingers e módulos e renovación dos flotadores.

Finalmente dotaranse de novos elementos para mellorar as condicións de traballo dos profesionais, como as escaleiras abatibles de subida desde o mar ou o sistema de iluminación. Tamén se instalará unha baliza de aluminio e un novo sistema de apertura das portas dos pantaláns a través dunha aplicación móbil. M. LAVANDEIRA