Rexeitada a proposta do BNG para a rexeneración urxente da praia de Laxe

Infraestruturas
Manuel Lavandeira
Xosé Manuel Pose, portavoz do BNG de Laxe, á esqueda, e Daniel Pérez na praia laxense. Foto: BNG

A Comisión 8ª do Parlamento de Galiza rexeitou a iniciativa do BNG para realizar unha actuación de rexeneración urxente na praia de Laxe, á espera de acadar unha solución técnica definitiva para o porto. O PP votou en contra e o PSOE abstívose.

Os nacionalistas pedían executar dentro deste ano unha actuación de rexeneración para devolver á praia de Laxe o seu perfil orixinario, e tamén instar a Xunta e ao Goberno do Estado a traballar de xeito coordinado para buscar unha solución técnica definitiva a un problema que consideran “moi grave, posto que afecta á seguridade marítima”.

O deputado do BNG Daniel Pérez explicou que a orixe do problema está “nas obras apresuradas, improvisadas e carentes de informes de impacto ambiental de construción do dique que se realizaron no ano 1998, e que mudaron o perfil da praia e as correntes do porto, ademais de provocar a sedimentación da area na dársena, reducindo o calado. A acumulación de area na zona do paseo afecta á actividade turística, pero o máis importante é que provoca inundacións reiteradas e dificulta as manobras no porto, co conseguinte risco”, afirmou.

A obra de dragado que se executa na actualidade “non constitúe unha solución definitiva, pois seguirá entrando area e reproducirase de novo o problema do calado”, engadiu Daniel Pérez. Por iso reclamou unha solución definitiva e consensuada entre a Xunta, como titular do porto, e o Goberno central, que debe autorizar a actuación. E esa solución pasa, na opinión do BNG, pola reforma integral do porto, “unha obra de envergadura, cun custe elevado e que require vontade política, pero, sobre todo, colaboración entre administracións e compromiso orzamentario”, afirmou.