Rexeitamento e alegacións do BNG ao parque eólico Monte Neme

Aseguran que suporía un “dano irreparable” para a zona e afectaría á vida da veciñanza
Enerxía eólica
Manuel Lavandeira
Plano xeral do futur parque eólico do Monte Neme. Foto: Xunta de Galicia

Carballo. O BNG de Berganiños rexeita o proxecto do Parque Eólico Monte Neme, e o responsable comarcal, Marcos Trigo, e o deputado autonómico Daniel Pérez anunciaron que esa oposición materializarase en forma de alegacións. “No caso deste parque, o lema #EólicosSiMaisNonAsí cobra máis sentido que nunca”, afirman.

Din que afectaría directamente ás parroquias de Oza, Cances, Leiloio ou Cambre, e polo tanto aos concellos de Malpica de Bergantiños e Carballo, e “obrigaría a mudar os usos do solo, coa conseguinte perda de valor, ao tempo que afectaría á vida diaria de moitas veciñas e veciños ao ter que soportar o ruído dos aeroxeradores. Ademais, o seu impacto visual suporía dinamitar todo o potencial turístico da zona costeira, facendo imposible un aproveitamento turístico sustentábel, baseado na fermosura e o carácter diferencial da paisaxe, nas súas praias e no patrimonio cultural e natural que atesoura”.

A autorización deste parque tal e como está proxectado suporía “un dano irreparábel para a zona”, asegura Marcos Trigo. O BNG defende a participación pública galega na planificación e desenvolvemento do sector enerxético en xeral e do eólico en particular. “Sabemos da importancia da enerxía eólica para o desenvolvemento do noso país, pero debe ser innegociábel que ese desenvolvemento respecte ás persoas e ao territorio, salvagardando espazos de alto interese ambiental, paisaxístico e/ou patrimonial”, conclúen.

“A enerxía debe ser considerada como un ben público galego, e os seus beneficios deben repercutir no conxunto do país e nos territorios onde se xera. É imprescindíbel garantir ese retorno”, sinala o deputado Daniel Pérez. Como potencia produtora de enerxía que somos, engade, “é lóxico e imprescindíbel que ese retorno se materialice a través dunha tarifa eléctrica propia que abarate o prezo da enerxía para todos os sectores económicos e para o consumo domiciliario, unha reivindicación na que vimos insistindo desde hai anos e que cobra máis sentido aínda no contexto actual de suba especulativa dos prezos”.

Dende o BNG convidan tamén aos concellos de Carballo e Malpica a seguir o camiño aberto xa por diferentes asociacións e polas propias veciñas e veciños directamente afectadas.