Seguen as medicións no porto de Malpica para reforzar a seguridade

Mar
Manuel Lavandeira
Mercedes Rodríguez, esquerda, Rosa Quintana, Susana Lenguas, Pedro Pérez, Eduardo Parga, Javier Varela e Alfredo Cañizo na xuntanza na Consellería do Mar. Foto: C.M.

Bergantiños. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a presidenta de Portos, Susana Lenguas, recibiron ao alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e ao patrón maior da Confraría de Pescadores, Pedro Pérez, para avaliar as actuacións proxectadas e outras demandas do sector. Un dos temas abordados foi, unha vez máis, a necesidade de reforzar a seguridade na entrada da dársena. A este respecto, informáronlles que deben continuar as medicións para poder definir as actuacións necesarias, pois os dous últimos invernos “non foron especialmente adversos, e por iso precisan de máis tempo”, sinalan dende o Concello.

O que está máis avanzado é o reforzo da estrutura da ponte que da acceso á zona norte do porto. As obras xa están na última fase e nun breve período de tempo xa poderán circular de novo os vehículos pesados.

O patrón maior tamén demandou á consellería melloras nas cubertas da nave das redeiras e da lonxa, e que se instalen tomas de auga e puntos de luz para as embarcacións. A maiores solicitou unha nova sinalización para o tráfico pesado. Tamén demandaron que se levante a prohibición da pesca deportiva no porto, alomenos na zona norte, o cal será analizado por Portos.

Outra vella demanda e a grúa para o porto de Barizo, para o cal a Consellería do Mar está en conversas co Club Náutico, cuxos directivos solicitaron, por escrito, o permiso para a valoración e arranxo da actual.

Na xuntanza tamén participaron a directora xeral de Pesca, Mercedes Rodríguez; o secretario da confraría, Javier Varela Castro; e o concelleiro de Mar, Alfredo Cañizo.