Seis socorristas vixiarán este verán as praias con bandeira azul de Ponteceso

Servizos
Manuel Lavandeira
Praia de Balarés, no Concello de Ponteceso. Foto: Concello de Ponteceso

Ponteceso. O Concello pontecesán iniciou o proceso de contratación do servizo de salvamento e socorrismo para a tempada de verán, co que pretende dar cobertura ás praias da Ermida, Balarés e Osmo que, un ano máis, volverán ter o distintivo de Bandeira Azul, selo de calidade outorgado aos areais que reúnen criterios de excelencia, calidade e seguridade, entre os cales se atopa o ter operativo o servizo de asistencia.

Con tal fin, a administración local vén de publicar a convocatoria das bases que regularán o contrato. O Concello prevé incorporar seis socorristas durante dous meses que prestarán o servizo de vixilancia, salvamento e socorrismo de praias, así como das instalacións asignadas.

Os interesados en participar neste proceso de contratación poden consultar toda a información e formalizar a solicitude a través da páxina web www.ponteceso.gal.

Por outra banda, o alcalde, Lois García, asinou un decreto para que as festas que se celebren no concello poidan durar dúas horas máis. Unha medida que é aplicable ós sábados e vésperas de festivos nos que estean programadas verbenas. Con esta iniciativa o goberno local quere reiterar o seu apoio ao retorno das verbenas galegas. M. L.