Galicia esconde grandes e pequenos saltos de auga no medio dos seus bosques frondosos // Nas parroquias de Verdes, Entrecruces e Rus atopámonos con estes elementos da natureza // Veremos o que nos deparan

Sendeirismo: tres fervenzas para descubrir

Natureza
Lorena Rey
Caída de auga de Entrecruces. Foto: ECG

Na actualidade, moitos turistas realizan visitas a monumentos e paisaxes naturais galegos. Un exemplo é a Cascada do Ézaro, sendo a única de Europa que desemboca no mar, polo que a converte nun lugar insólito digno de ver. Pero, isto non se queda ahí. En Galicia hai concellos máis pequenos cun patrimonio cultural pouco coñecido. Adentrámonos en parroquias bergantiñás para sorprendernos cos seus saltos de auga. Contaremos onde se sitúan e o máis chamativo dos mesmos.

O Refuxio de Verdes é un espacio natural situado na localidade do mesmo nome, Verdes, no concello de Coristanco, comarca de Bergantiños. Actualmente é un coto de pesca duns sete kilómetros de lonxitude, ubicado nun bosque autóctono de ribeira. Un pequeno paraíso para “desconectar” das tarefas cotiáns, para goce dos nenos, pais e avós, nunha contorna das augas do Anllóns e dunha vexetación singular.

Este refuxio está situado nunha zona de pequenos illotes e caídas de auga que foi convenientemente aproveitada para a construción de muíños de fariña, utilizando a forza da agua para mover todo o mecanismo. Pequenas pontes de madeira, pedra ou cemento unen todo o conxunto natural.

Ademais dos muíños e das pontes que lle aportan gran beleza ao lugar, os carballos que cubren toda a zona fan que sexa un sitio desexable de visitar en calquera época do ano. Iso si, a vexetación e arboreda é moi densa e apenas deixa pasar a luz do sol, o que fai que sexa un lugar sombrío no que a sensación de temperatura non é moi alta. Tamén hai que ter en conta que, se choveu nos últimos días, os camiños poden estar embarrados e algunhas zonas poden ser de difícil acceso.

Ponte principal do refuxio de Verdes, que cruza o río no lugar de máximo caudal. Foto: ECG

Estamos ante unha zona fermosa que invita a perderse, a camiñar entre a natureza escoitando o correr da auga e o cantar dos paxaros. Cabe mencionar que paseando pola beira do río pódese ir dende Verdes ata Ponteceso, unha ruta duns quince quilómetros que moitos visitantes do lugar deciden facer. Unha oportunidade para coñecer pobos e perderse entre o verde.

Na zona tamén hai unha área recreativa con mesas de pedra e madeira onde moitos turistas aproveitan para tomar a merenda disfrutando do son do movemento da auga.

Verdes é o lugar apropiado tanto para amantes da pesca como do entorno natural galego, viandantes ou simplemente xente que busca lugares tranquilos e con encanto.

Perspectiva do río e da ponte dende unha zona de terreo baixa, en Verdes. Foto: ECG

A Comarca de Bergantiños garda máis reliquias escondidas no medio da súa natureza. A ruta das Cascadas (nome que reciben as fervenzas neste lugar) abrangue a fervenza de San Paio e a de Rus, tamén coñecida como Ramil, no municipio de Carballo.

A ruta das Cascadas duns 20 km de lonxitude é apta para realizar a pé ou ben a bicicleta ao transcorrer case todo por pistas de terra e sendeiros. Comenza en A Brea, lugar ás aforas de Carballo coñecido polo bo facer das súas panadeiras e panadeiros, e remata xunto á cascada de Entrecruces. Este camiño avanza polo Carballo máis descoñecido: o seu interior. Montes e vals conforman a paisaxe entre camiños que nos guían ata fermosos tramos de vexetación autóctona e de ribeira.

En concreto, a fervenza de Rus ou Ramil, atópase a uns 200 metros da estrada e é de fácil acceso. Cae ao vacío entre dúas montañas, o Petón e o Monte de Rus. Non destaca pola súa altitude senón polos castaños e carballos que a rodean, singularidade que comparten moitas destes espazos. A carón do camiño que nos adentra na caída de auga transcorre un pequeno rego.

Entrada á fervenza de Rus cun panel indicativo á esquerda. Foto: Concello de Carballo
Regato e camiño que nos adentra no salto de auga de Rus. Foto: Concello de Carballo

En San Paio, Entrecruces, dous regatos (o Rego Outón e o Rego Calvos) únense formando o Río Grande. Este río adéntrase nun val moi estreito. Nese momento, o río precipítase con gran forza permitindo contemplar a enerxía e velocidade con que transcorre a auga, xa que se precipita ao baleiro dende uns corenta metros de altura!

Caída da auga no último tramo da catarata de San Paio. Foto: ECG

“Esta fervenza está bastante escondida, nunha parroquia pola que non pasan demasiados turistas. O que si teño comprobado é que a xente que visita o lugar, marcha moi impresionada e con ganas de volver”, palabras dunha veciña de Entrecruces.

A vexetación mézclase entre o escaso bosque de ribeira (aliso, aveleira, espiño, carballo) e o eucaliptal. As pedras que rodean a fervenza no seu máximo esplendor son rochosas e moi resbaladizas, polo que se debe ter coidado á hora de andar por encima delas.

É recomendable visitala en diferentes épocas do ano para comparar como varía o caudal da agua no verán e no inverno.

Transcurso lento do río entre as pedras, en Entrecruces. Foto: ECG

Os saltos de auga das parroquias bergantiñáns tamén son parte da Galicia verde e da Galicia de fervenzas. Visitalos é un plan idóneo para desconectar do día a día e desfrutar da natureza máis viva.