Terra Galega pide eliminar os bolardos e instalar cámaras nas rúas de Carballo

Política municipal
Manuel Lavandeira
Obras de instalación de bolardos nunha das rúas de Carballo. Foto: C. C.

O voceiro de Terra Galega en Carballo, Andrés Eirís, presentou unha moción solicitando o apoio do pleno para eliminar os bolardos das rúas Desiderio Varela, Colón e Jacinto Amigo Lera “porque máis cunha solución son un problema”, afirma. A este respecto, sinala que están a provocar “colisións continuas de vehículos e ademais son un obstáculo para os peóns, principalmente para as persoas con limitacións visuais e quenes se desprazan en cadeiras de rodas, entre outras disfuncións, coma que unha ambulancia non poida pasar por non ter o mando”. Asegura que entre os residentes xa existe o “síndrome do bolardo” porque “cando accionan o dispositivo para baixar as pilonas pasan con certo medo a que se levanten”.

Como alternativa, dende Terra Galega propoñen instalar cámaras de videovixiancia para ler matrículas, “un sistema moito máis efectivo que permitirá velar polo cumprimento dos accesos a estas rúas e ademais evitará accidentes aos usuarios, priorizando modos de mobilidade máis sostibles”, conclúe.