Terra Galega pide equipar o Circuíto do Motor de Bértoa para practicar outras actividades deportivas

Andrés Eirís asegura que son necesarios novos espazos ao aire libre para dar resposta ás demandas actuais
Política municipal
Manuel Lavandeira
Circuíto do Motor de Bértoa. Foto: Concello de Carballo

O grupo municipal de Terra Galega presentou unha moción para que se dote de infraestrutura e equipamento básico o Circuíto do Motor de Bértoa (Carballo) para a realización de actividade física variada. O seu voceiro, Andrés Eirís, asegura que o obxectivo é “xerar un novo espacio de ocio e deporte ao aire libre aberto á toda a cidadanía, e que veña a cubrir as carencias de áreas deportivas no noso concello”.

Propoñen que para levar a cabo as referidas actuacións se modifique o regulamento de uso do circuíto, “establecendo as normas, preferencias de uso e control da instalación necesarias para a nova realidade”.

Eirís asegura que, debido á pandemia, “estamos vendo claramente un cambio de tendencia na práctica deportiva, cada vez apostamos máis polas actividades no exterior, algo que vén para quedar”. A elo contribúe tamén, engade, “o feito de que as instalacións deportivas cubertas municipais pechen os festivos, domingos, así como, cando non se pode usar por competicións de entidades ou a escasa diversidade que nelas se imparte”.

Dende Terra Galega entende que a inversión no Circuíto do Motor para a súa adecuación “é relativamente baixa, e a convivencia coas entidades deportivas pode realizarse sen problemas, e sen perder de vista a finalidade para a que foi creado”.