Terra Galega pide que os recursos se reinvistan nas parroquias de Coristanco

A Corporación aprobou a súa proposta cos votos da maioría da oposición // O alcalde ve impedimientos para facer efectiva a moción
Política municipal
Manuel Lavandeira
Aeroxeradores dun parque eólico no municipio de Cabana. Foto: Salvemos Cabana

O pleno da Corporación de Coristanco aprobou unha moción presentada por Terra Galega (TeGa) na que se propón que se reinvistan aqueles recursos obtidos en cada unha das parroquias, coma os procedentes da venta de madeira, licenzas por instalación de industrias, aproveitamentos de recursos mineiros e outros.

A proposta foi apoiada maioritariamente polos grupos da oposición, agás Contigo Coristanco que non estivo presente no pleno, mentres que os concelleiros do goberno (PP) votaron en contra porque o alcalde, Juan Carlos García, entende que contén defectos e impedimientos para poder facela efectiva.

O portavoz de TeGa, Amancio Lavandeira, asegura que, “segundo previsión do rexedor, nun prazo de varios meses”, instalarase un dos parques eólicos previstos no concello, que afectará a Cuns, Couso, Castro, Valenza, Erbecedo, Agualada e Seavia. “Falou de preto de 2,5 millóns de euros de licenza”, engade, e “nós pedimos que se invirtan eses cartos nesas parroquias en forma de infraestruturas, servizos, recursos..., xa que son eses veciños e veciñas os que máis se verán afectados polos efectos perxudiciais da súa instalación e funcionamento”, sinala Lavandeira.

Dende TeGa entenden que se non se fai efectivo o acordo da moción, “o alcalde négalle a eses veciños o beneficio deses importes, e este non vai ser o único parque eólico que se instale en Coristanco, pois lamentablemente existen outros proxectados que afectarán a esas e outras parroquias”, conclúe Amancio Lavandeira.