Terra Galega rexeita a reforma integral da escola de Arrabais, en Carballo

Aseguran que o custe das obras é superior ao valor da edificación existente // Sinalan que é un inmoble fóra de ordenación // Propoñen que se derrube
Política municipal
Manuel Lavandeira
Terra Galega propón derrubar a antiga escola e o edificio da Cámara Agraria para gañar espazo para a feira. Foto: TeGa

O grupo municipal de Terra Galega (TeGa), a través do seu voceiro, Andrés Eirís, formulará varias preguntas no vindeiro pleno respecto ás obras de reforma integral da antiga escola de Arrabais, situada na avenida da Milagrosa. Asegura que o orzamento de licitación (147.317,86 euros) “supera o valor da edificación existente, pois atópase en estado de ruínas, ademais de estar fóra de ordenación no PXOM vixente”.

Por iso quere saber se o Concello conta cos permisos pertinentes da Deputación da Coruña, que é a titular da estrada na que se ubica o inmoble, e se existe algún informe emitido por técnicos municipais sobre o valor da edificación. Ademais preguntará si se levou a cabo algunha modificación na execución do contrato de obra no que respecta ao solo e máis á cuberta e, de ser así, se iso vai supoñer un incremento no prezo.

Dende TeGA propoñen, como alternativa, que se derrube o inmoble e o edificio da antiga Cámara Agraria para “dispor de máis espazo para a feira e outras alternativas”.