Trasladan ao centro de saúde ao dono dunha casa que se incendiou na Laracha

O home inhalou fume cando trataba de extinguir o lume que comezou na cociña // Arderon a campá extractora e os mobles superiores
Incendio
Manuel Lavandeira
Parque comarcal de bombeiros de Bergantiños, ubicado no polígono de Carballo. Foto: P. C.


O propietario dunha vivenda da Laracha que sufriu un incendio foi evacuado en ambulancia polos servizos sanitarios, que o trasladaron ao centro de saúde da localidade, tras inhalar fume mentres trataba de extinguir o lume. Ademais, segundo indicaron os Bombeiros, outra persoa, que identificaron como o seu fillo, tamén resultou afectado polo fume e, aínda que non precisou ser trasladado, si acudiría polos seus propios medios ata o centro sanitario.

No incendio cuxa orixe tivo lugar na cociña da vivenda, situada na rúa Urbano Lugrís, arderon a campá extractora e os mobles superiores. Ata o lugar desprazáronse decontado os Bombeiros de Bergantiños, que nada máis chegar, confirmaron ao 112 Galicia que o lume xa fora extinguido polo mesmo dono da casa, polo que procederon a ventilar. Toda a vivenda resultara moi afectada polo fume e o monóxido provocados polas chamas.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso ao fío das 13:00 horas. Un particular indicaba aos xestores de emerxencias que lle ardía a cociña e que tragara fume. Foi nese intre, cando deron aviso de inmediato ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Bergantiños, á Policía Local e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Laracha.