Unión da oposición en Coristanco para darlle destino ao remanente

Solicitaron un pleno e propoñen adicalo para facer as obras que non cubrirá o POS 2021
Política municipal
Manuel Lavandeira
Casa consistorial do Concello de Coristanco

Coristanco. Os catro grupos da oposición de Coristanco (TeGa, ALVC, BNG e PSOE) solicitaron a convocatoria dun pleno extraordinario para destinar o remanente de tesourería do 2019 “para as obras que non chegue a cubrir o POS 2021 da Deputación” e que foron aprobadas nunha sesión plenaria o pasado mes de outubro.

Instan ademais ao alcalde, Juan García (PP), para que convoque unha xuntanza urxente, na que participen tamén os técnicos redactores dos proxectos, para concretar o importe do remanente que se adicará ás actuacións proxectadas.

Hai que lembrar que na proposta, feita tamén pola oposición, figuran os proxectos de humanización da travesía de San Roque, desde a rotonda de Carrefour ata a da estrada de Santa Comba; a pavimentación e dotación de beirarrúas na zona de Feira Nova; a construción de aceras e rede de pluviais na Rabadeira; a creación dunha senda peonil entre Rabadeira e Seavia; a dotación de beiravías do tramo que vai de Piñeiriño ata a igrexa de Xaviña, e dende o centro comercial ata Oca e na zona da Torre, en Silván, ata o lugar da Braña; a ampliación da DP-2901 ata a Rocheira e a mellora do subministro de Rabadeira, Nogueira e Valenza. M. LAVANDEIRA