Urbanizarán e reforzarán a seguridade na rúa San Martiño de Paiosaco

A rede eléctrica será soterrada e eliminaranse os postes do actual tendido aéreo // O investimento é de 35.000 euros, que serán financiados con fodos municipais
Urbanismo
Manuel Lavandeira
O alcalde, José Manuel López, á dereita, cos concelleiros Jesús Souto, no centro e Ramiro Bello, á esquerda, na rúa San Martiño. Foto: C. L.

O Concello ten previsto iniciar nos próximos días as obras de urbanización e reforzamento da seguridade viaria na rúa San Martiño, situada no casco urbano de Paiosaco e que dá acceso ao núcleo da Agrela. A intervención proxectada inclúe a canalización soterrada da rede eléctrica ao longo dunha distancia lineal duns 150 metros, contemplándose a eliminación dos catro postes do actual tendido aéreo.

Isto permitirá dispoñer dun maior espazo na calzada, que pasará de ter unha anchura media da plataforma de catro metros ata alcanzar unha amplitude máxima de sete metros e medio. Deste xeito “reforzarase a seguridade viaria tanto para a circulación rodada como para os peóns”, sinalan dende o goberno local.

O proxecto suporá un investimento de 35.000 euros a financiar integramente con fondos municipais. O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Jesús Souto e Ramiro Bello reuníronse na propia rúa San Martiño xornadas antes do inicio das obras.