Sonia Méndez; directora do festival de contenidos dixitais Carballo Interplay

“Vamos a facer un festival con todas as propostas para que calquera persoa poida desfrutalo dende a súa casa”

Audiovisual
Lorena Rey
Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay, durante a gala de clausura da 5ª edición, no auditorio da Casa de Cultura de Carballo. Foto: David Tombilla.

Retrocedemos ao ano 2014. Como xurdiu a idea de crear o Festival Interplay?

O festival creouse tras un encontro co concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira. Por aquel momento estaba traballando nunha serie que se chamaba “Angélica e Roberta” e comentoume que estaba interesado en facer algún tipo de encontro audiovisual en Carballo. Así propuxen crear o primeiro festival de webseries estatal.

Cal é o propósito da celebración deste encontro?

Somos un festival de contidos dixitais e polo tanto o obxectivo é xerar espazos de comunicación e sinerxias entre creadores e o público. Nós traemos propostas que nos parecen interesantes para que a xente as coñeza e poida disfrutalas.

O Carballo Interplay foi o primeiro festival de webseries de España. Como definirías ese termo?

A palabra webserie considero que xa non está na onda. Fai anos tiña sentido porque eran series que se facían para webs. Agora mesmo todas as series que se emiten a través de plataformas sen ser a televisión convencional considéranse series dixitais.

Que cambios hai nesta edición con respecto ás anteriores?

O Carballo Interplay é un festival que se celebra cada ano no Auditorio e Salón de Actos do Pazo da Cultura de Carballo pero debido á situación sanitaria e todas as restricións a novidade é que será 100 % online. Todo se poderá ver dende a casa pero hai algunhas actividades que terán a opcion de visualizarse posteriormente porque quedan gravadas e outras que só se poderán seguir en directo como son as proxeccións de series.

Ademais da competición de series dixitais na categoría de galego, estatal e internacional están os premios a proxectos de webseries en galego. En que consisten?

Un comité escolleu no seu momento a catro finalistas a este premio que terán que defender as súas propostas diante dun xurado, o que recibe o nome de “pitching”. O gañador terá unha dotación de 3.000 euros para a futura producción da serie. Isto é diferente da competición de series, das cales se proxectará un só capítulo. A maiores, os espectadores terán a posibilidade de velas enteiras a través de enlaces incorporados na nosa web.

En que vos baseades para escoller os membros do xurado?

Temos en conta a súa carreira profesional. Escollemos persoas de diferentes ámbitos da cultura relacionados co mundo de Internet ou co audiovisual que teñan un criterio para estar no xurado e decidir quen se leva os premios do Carballo Interplay.

Como directora, que esperas desta edición?

A pesar de como son as cousas e da situación conseguimos adaptarnos, somos de Internet. Vamos a facer un festival con todas as propostas para que calquera persoa poida desfrutalo dende a súa casa, así que espero que a xente se anime a vivir a experiencia con nós. Podemos chegar moito máis lonxe do que chegariamos estando nun auditorio xa que ese espazo ten unhas butacas determinadas e Internet é o mundo.