Veciños de Ponteceso crearon unha bandeirola para o Museo de Arte Contemporánea

Vestirá a fachada do espazo museístico de Corme // Será colocada o sábado, ás doce do mediodía
Arte
Manuel Lavandeira
Bandeirola artística que representará ao Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte. Foto: Concello de Ponteceso

O Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte, situado en Corme, quedará vestido cun “traxe” artístico, que están a piques de rematar os veciños e veciñas do Concello de Ponteceso.

A bandeirola será colgada o sábado, día 28 ás 12.00 horas, e está formada por sesenta e catro pequenas lonas (35 x 35 centímetros) que irán unidas para conformar o gran mosaico que representará ao museo. A través de pintura, traballos de redeiras, debuxos, collage, punto de cruz, bordados e mesmo fotografías, estas pezas e obras artísticas únicas foron creadas por persoas de entre sete e noventa anos.