Vieiro leva aos institutos ‘O Triángulo da Saúde’

prevención
Manuel Lavandeira
Patricia Rodríguez é a responsable do programa O Triángulo da Saúde. Foto: Asociación Vieiro

CARBALLO. A Asociación Vieiro puxo en marcha nos institutos de Carballo o progama de habilidades sociais e persoais O Triángulo da Sáude, enmarcado no proxecto de prevención escolar. Está dividido en tres bloques: Acompáñote, que consta de catro sesións sobre habilidades persoais e sociais co obxectivo de facilitar ao alumnado o desenvolvemento da súa vida diaria; - Des-conecta, de dúas sesións que teñen como finalidadedotar aos estudantes de coñecementos básicos para a utilización das novas tecnoloxías dun xeito saudable e responsable; e Ti elixes, tamén de dúas sesións cas que se pretende facilitar información sobre as distintas sustancias adictivas ás que os xoves poidan ter acceso.

O programa levarase a cabo durante o segundo trimestre do curso escolar e as sesións teñen unha periodicidade semanal e unha duración aproximada de 55 minutos. Patricia Rodríguez é a encargada de levar a cabo esta iniciativa.

Dende Vieiro agradecen “profunda e sinceiramente a excelente disposición dos centros, así como todas as facilidades dadas polos equipos directivos e profesorado para poder levar a cabo este programa, xa que sin a súa colaboración e sensibilidade non sería posible impartilo”, afirman.