Visita guiada ás microrreservas de flora da área Razo-Baldaio

Medio Ambiente
Manuel Lavandeira
Complexo marismeño-lagunar de Baldaio, en Carballo. Foto: Petón do Lobo

Carballo. O vindeiro domingo, día 22, celébrase o Día Internacional da Diversidade Biolóxica e, con tal motivo, Adega e o Proxecto Ríos organizarán unha visita ás microrreservas de flora de Carballo, situadas no complexo intermareal de Razo-Baldaio, na que participarán Stoas, grupo de scouts de A Coruña.

Na saída descubrirase a valiosa diversidade natural do espazo protexido e realizaranse tarefas de coidado do seu patrimonio natural ligadas á problemática do lixo mariño e ás especies exóticas invasoras. A xornada está encadrada no proxecto Voluntariado ambiental para a conservación dos humidais e da flora da Costa da Morte, que conta co apoio de CaixaBank.

Asemade, este venres, día 20, comezará un campo de voluntariado ambiental no río Tea para a eliminación de flora exótica invasora.

O Proxecto Ríos é unha iniciativa de educación e voluntariado promovida por Adega, que conta co apoio de Augas de Galiza e CH Miño – Sil. A finalidade é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas e fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación. M. L.