Visita guiada de membros de Aspaber ao Museo Etnolúdico de Galicia

Xogos Tradicionais
Manuel Lavandeira
Participantes na visita guiada organizada por Aspaber ao Melga. Foto: Museo Etnolúdico de Galicia

Ponteceso. Corenta persoas con diversidade funcional da Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños (Aspaber) desfrutaron dunha visita guiada ao Museo Etnolúdico de Galicia (Melga), acompañadas das súas monitoras Hermosinda Villar, María Pouse, Maribel Rega e o monitor Jorge Guillamed. Preto de tres horas durou o seu percorrido polas salas do museo, e todos eles puideron desfrutar de xogos adaptados e incluso competiron para demostrar as súas habilidades.

O director do Melga, Ricardo Pérez y Verdes, asegura que foi “unha xornada moi emotiva, afectiva e excepcional”. Dado que non puideron participar da visita todos os residentes de Aspaber, as responsables da asociación expuxeron a posibilidade de organizar un Festival de Xogos e Deportes Tradicionais Galegos no seu centro formativo, ocupacional, terapéutico e lúdico. “O reto está botado, e alí estaremos”, afirmou o director do Museo Etnolúdico. M. L.