Volve o Xiria Pop a Carballo nunha edición especial polo 25 aniversario

Celebrarase no Casino 1889 este venres e o sábado cun cartel musical de primeira
Música
Manuel Lavandeira

Carballo. Manu Gastado & The Kosmik Tuwaregs (País Vasco), Pepsi &The Clits (Almería), Germán Salto (Madrid), The Cleopatras (Italia), Lamprea Explosiva (Vigo), Martin Savage & The Jiggerz (Londres), Buffalo (León) e Asteroid B-612 (Australia) farán vibrar aos asistentes ao festival Xiria Pop, que comeza este venres, día 23, e continuará o sábado, día 24.

Trátase dunha edición especial, promovida polo Concello de Carballo, xa que cumpre 25 anos e celebrarase no Casino 1889, que abrirá as súas portas ás 21.00 horas os dous días. O sábado haberá tamén unha sesión vermú no Logradouro. Polas limitacións de espazo, só se puxeron á venda cento vinte bonos para os dous días a un prezo de quince euros, pero tamén se porán a venda algunhas entradas na taquilla.

Ademais será un festival especial, porque neste vinte e cinco aniversario utiliza como imaxe un debuxo de Alberto Gende, a modo de homenaxe particular do Xiria Pop ao gran artista carballés, do que se conmemora este ano o décimo aniversario do seu pasamento.

O fundador, alma e factótum do Xiria Pop, Xabier Graña conseguiu ao longo deste cuarto de século converter esta cita nun dos referentes do circuíto alternativo de festivais nacionais consagrados ao pop, o rock e demais sons de apelido anglosaxón. O alcalde, Evencio Ferrero, destaca a súa “tenaz iniciativa, pensando sempre en ofrecer música de calidade”. A xente que vén ao festival, engade, “sabe que atopará calidade”. M. L.