A fadista María do Ceo e Broken Peach animan as festas de Caldas

No marco da celebración patronal Cultura Quente os caldenses desfrutarán de música en vivo da man de Galifunk, a Banda de Padrón, MITIC e tamén Igloo
Música
Alba Prada
A fadista e compositora María do Ceo. Foto: mariadoceo.com

Caldas encara unha semana máis de verán coa programación cultural baixo o nome do emblemático festival Cultura Quente, que por segundo ano consecutivo se organiza adaptado á situación de nova normalidade. Dende o Concello veñen de informar de que coincidindo coa semana na que deberían ter lugar as Festas Patronais, canceladas no seu formato habitual por mor do Coronavirus (día 15 na parroquia de Santa María e día 16 na de San Roque), o cartel de actividades e música en vivo refórzase nesta ocasión con ata 12 propostas artísticas coas que se busca facer as delicias de caldenses e visitantes, ao tempo que se ofrece proxección e se poñen en valor aos artistas e creacións locais. Os emblemáticos xigantes e cabezudos tampouco van faltar nesta ocasión.

No apartado musical, chega esta semana o grupo Galifunk que actuará mañá, día 13, no marco do programa Cultura no Camiño dentro da programación do Xacobeo 21-22. Ao día seguinte a Banda de Padrón animará a seisión vermú na praza das Palmeiras. O concerto celebrarase a partir das 12.30 horas enmarcado no programa O País das Bandas.

Xa pola noite a Carballeira acollerá un dos pratos fortes coa actuación ás 21.30 de María do Ceo. A artista é unha recoñecida fadista e compositora afincada en Galicia, considerada por moitos como a sucesora de Amalia Rodrigues. O domingo, día 15 MITIC ofrecerá o seu concerto espectáculo á mesma hora e en idéntico escenario.