Valga conectará cunha senda a igrexa, o colexio e o pavillón de Cordeiro

senda peonil
Alba Prada
En primeiro plano, José María Bello (esquerda) e Luis López. Foto: Concello de Valga

VALGA. O Concello de Valga, que dirixe José María Bello, recibía onte a visita do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, que se achegaba ata o municipio para anunciar un investimento de 800.000 euros por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. As axudas irán destinadas á construción dunha senda peonil que conectará a estrada PO-548 e a zona do colexio, o pavillón deportivo e a igrexa de Cordeiro. O rexedor e o delegado visitaron a zona pola que discorrerá a senda, que dará continuidade á beirarrúa existente na marxe esquerda da estrada PO-548 e que remata, aproximadamente, á altura do punto quilométrico 2,9. A partir deste punto o vial xa carece de espazos reservados para a circulación peonil ou ciclista, unha situación que, segundo indicaron fontes municipais, quedará resolta co citado proxecto. A. P.