Valga traslada ao Museo da Historia a estela funeraria achada no xacemento de Igrexa Vella

Patrimonio
ARCA
Estela funeraria atopada no xacemento de Igrexa Vella. Foto: C. V.

Valga. Un equipo integrado polo arqueólogo David Fernández Abella, a restauradora Diana Blanco e o mestre canteiro Roberto Pente están a executar, a instancias do Concello, o proxecto de Traslado, depósito e substitución da estela funeraria de Igrexa Vella, consistente na retirada da lápida, que ata agora se mantiña no xacemento de Cordeiro, a súa limpeza e traslado ao Museo da Historia para a súa conservación e exposición, creando ademais unha réplica para repoñer no lugar no que a pedra fora atopada.

As actuacións, que contan coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, iniciáronse esta semana e teñen como obxectivo a protección deste ben arqueolóxico, un dos elementos máis singulares de cantos se atoparon durante as intervencións en Igrexa Vella. En concreto, a estela foi exhumada na campaña de escavacións levada a cabo en 2012. É de época tardorromana (século IV), pero fora reutilizada como parte do muro da fachada da primeira igrexa que se erixiu no lugar, construída no s. V e que perdurou ata o VIII. Estas lápidas adoitaban colocarse no lugar de enterramento da persoa falecida. arca