Recolleu onte, e por segunda vez, na súa vila natal o premio Avelina Valladares pola súa obra ‘O tempo entre as mans’// Nun acto celebrado no MOME, pechado ao público, o escritor expresou a satisfacción polo novo recoñecemento TEXTO Sol Elvira

Xosé Luna, orgulloso de vivir nun pobo “que ama a poesía”

Premios
Sol Elvira
O escritor estradense Xosé Luna, no centro, cos galardóns entregados nunha ceremonia, no MOME, que non tivo público. Foto: Sangiao

O escritor estradense, Xosé Luna Sanmartín, recolleu onte o XXIV Premio de Poesía Avelina Valladares, nun acto que tivo lugar no Museo da Madeira da Estrada, MOME, e que estivo pechado ao público debido ós protocolos que marca a actual crise sanitaria.

Luna Sanmartín, que recibe por segunda vez este premio na súa vila natal, mostrou o seu agradecemento e dixo sentirse orgulloso de ser e vivir nun pobo “que ama a poesía”. O autor estradense gañou a presente edición do Avelina Valladares polo seu poemario O tempo entre as mans. O premio, dotado con 2.000 euros, unha figura conmemorativa e a publicación da obra, foille entregado polo concelleiro de Cultura e tenente de alcalde de A Estrada, Juan Fontenla.

Cando se deu a coñecer o fallo, os membros do xurado destacaron en-

tre outras cousas, “a coherencia e uso dun léxico rico, variado e moi ben escollido” polo autor da obra. Explicaba tamén que o poemario recupera palabras pouco habituais, seleccionadas polas súa sonoridade e connotacións, e que fai referencia a diferentes lugares da contorna estradense e dos territorios máis cercanos.

BIOGRAFÍA. Asemade explican que “moitos do seus poemas teñen unha forte carga sentimental, adicada a figuras cercanas como a nai, ou pequenos momentos que marcan fitos importantes na vida da voz poética”. De feito o propio Luna recoñecía que en O Tempo entre as mans, “hai moito de min”.

Nado na Estrada en 1965, Xosé Luna Sanmartín é a segunda vez que se alza co Avelina Valladares. A primeira foi no ano 2003 con Memorias do Cairo, un poemario sólido, dotado dunha inusual coherencia e no que planea o xogo de planos de voz poética ó tempo que sorprende cunha ironía que tenta esconder a dor.

Luna estudou a carreira de Maxisterio e logo licenciouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela.

Na actualidade exerce como mestre no CEIP do Foxo da Estrada e é colaborador en diferentes medios de comunicación. Además foi director de Edicións Fervenza entre os anos 2000 e 2015.

DENSA OBRA. Como escritor, Xosé Luna cultivou a poesía, narrativa, dramaturxia e ensaio. Foi o fundador da Festa da Poesía e impulsou o partido de fútbol a prol da lingua e o Premio de Teatro Mome Varela Buxán.

Ten publicado, no apartado de poesía: Memorias do Cairo (Edicións Fervenza, 2003). Con epílogo de Miro Villar, A Marcial Valladares (Fundación Cultural da Estrada, 2004); Stradapop (Librería Ler, 2005); Sol Rebulideiro (Técnicas and Gramaxe, 2012); O Libro dos bicos (Edicións Embora, 2014); A Estrada da Vida (Editorial Artesón Produccións, 2018) poemas musicados polo cantautor Manoele de Felisa, e O Tempo entre as mans (Edicións Fervenza, 2020). No apartado de narrativa: As cometas da vida (Ed. Fervenza 1999); O ano das mimosas (Ed. Fervenza, 2000), e O último tango da noite (Ed. Concello de Lalín, 2001).

Ademais ten publicados os seguintes ensaios: Manuel Daniel Varela Buxán O Patriarca do Teatro Galego (Seminario de Estudios de Deza, 2000); Onde o sol facheaba ao amañecer: Vida e obra da Cantora da Ulla Avelina Valladares Núñez (Ed. Fouce, 2003); Manuel Valladares Núñez Cantigueiro popular (Ed. Fundación Cultural da Estrada, 2003); No Pazo de Laiovento. Conversas con Francisco Pillado Maior (Espiral Maior, 2007); Manuel Daniel Varela Buxán (Ed. Xerais, 2008); 90 Cousiñas (Técnicas and Gramaxe, 2006), e Da literatura e outras cousiñas (Ed. Embora, 2016).

En teatro ten: Tulipáns vermellos (Ed. Fervenza, 2011); As aventuras de Odiseo (Ed. Embora, 2016). E finalmente en arte: A Estrada románica, (A Fouce, 1999), e A Estrada románica (Ed. Fervenza, 2020).

Indicar que o xurado que elixiu a súa obra como gañadora na última edición do Avelina Valladares estivo integrado por Gumersindo Villamayor Martínez; Rosalía Morlán Vieites; Ernesto David Otero Fernández e Dolores Araujo Arias, actuando como secretaria. O fallo foi dado a coñer por viodeoconferencia.

PROMOTORES. O Premio de Poesía Avelina Valladares está convocado polo Concello da Estrada e conta coa colaboración da Asociación de Consumidores e Amas de Casa Avelina Valladares.

Ademais de valorar o traballo dos poetas galegos e de preservar o cultivo da lingua como sinal de identificación e diferenciación de Galicia e principal patrimonio cultural da nosa comunidade, este galardón busca divulgar a obra da poeta estradense Avelina Valladares, auténtica precursora, xunto co seu irmán Marcial, do cultivo literario da lingua no século XIX, e unha muller que adelantouse a súa época.

Indicar, finalmente, que entre os últimos gañadores do premio de poesía estradense atópanse, xunto a Luna, o poeta vigués Ramón Sandoval, que se alzou co galardón coa súa obra Capricornio, e o escritor vilagarciano Xurxo Alonso, con Dime Alexandría.