Silleda pon en valor as fervenzas de Santa Mariña e a de Férveda

Espazos naturais
El Correo Gallego
Fervenza de Santa Mariña

Silleda. O Concello de Silleda continúa coa posta en valor de elementos turísticos e naturais do municipio. Así, veñen de iniciarse os traballos do proxecto para a dotación da sinalización e accesibilidade á fervenza de Santa Mariña, na parroquia de Graba, que inclúe tamén a sinalización para chegar á de Férveda, en Escuadro. Esta actuación acométese en virtude do convenio entre o Concello de Silleda e a Axencia de Turismo de Galicia, ao abeiro das axudas para actuacións que melloren as infraestruturas turísticas no entorno rural.

O proxecto foi adxudicado á empresa Endenor –a única das 4 ofertas solicitadas que se presentou- por un importe de 38.324 euros.

No caso da fervenza de Santa Mariña, colocaranse paneis indicativos seguindo as directrices de Turismo, dende Silleda (na estrada provincial a Graba). Tamén se acondicionará un tramo do camiño de subida cara a fervenza e se construirá un pequeno miradoiro pa ver o inicio do salto sobre o río Toxa. O proxecto inclue tamén a sinalización para chegar á fervenza de Férveda, na parroquia de Escuadro.

“Con esta actuación continúase apostando pola posta en valor dos nosos recursos naturais e turísticos”, indica a concelleira de Turismo, Mónica González, que explica que dende o Concello se está a traballar tamén no deseño de novos roteiros. A.P.